Wednesday 08 de May de 2024

Gonzalo Trenor e Diego Calvo participaron na entrega dos lotes de menús de Nadal a tres entidades sociais coruñesas


Esta iniciativa é posible grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Parlamento de Galicia a través do cal destinan 65.000 euros para financiar esta medida

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o vicepresidente primeiro do Parlamento, Diego Calvo, participaron na entrega dos lotes de menús de Nadal a tres entidades sociais da Coruña para o seu reparto entre as persoas e familias usuarias destes centros.
Esta iniciativa é posible grazas a un convenio de colaboración asinado recentemente entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería da Presidencia, Xustiza e Turismo e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia co Parlamento de Galicia, a través do cal se destinan un total de 65.000 euros para financiar esta medida. A coordinación correu a cargo da ONG World Central Kitchen, impulsada polo coñecido chef José Andrés.
En concreto, esta mañá levouse a cabo a entrega de menús de Nadal á Cociña Económica da Coruña que recibiu 1.300 menús solidarios, á Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos entregáronselle 300 menús e á Asociación Banco de Alimentos Rías Altas outros 1.041 menús. O reparto realizouse tendo en conta o número de usuarios comunicado previamente por cada entidade.
Os menús foron elaborados no Centro Superior de Hostalería de Galicia por cociñeiras e cociñeiros galegos utilizando produtos agroalimentarios galegos e de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros e/ou industrias de transformación de Galicia ao abeiro da canle Mercaproximidade, impulsado pola Xunta durante o estado de alarma.
No marco deste convenio elaboráronse arredor de 7.700 menús solidarios de Nadal, distribuídos a través de 15 entidades sociais diferentes con actividade en distintas cidades e vilas de Galicia.